lunes, 23 de mayo de 2016

Mañá estaremos na galería Sargadelos a partir das 18:00 co Taller didáctico: Xoga e aprende con enerxía!

http://www.consorciodesantiago.org/gl/novas/talleres-para-que-os-cidadans-melloren-xestion-da-enerxia-nas-suas-vivendas

Talleres para que os cidadáns melloren a xestión da enerxía nas súas vivendas



mércores, 18 Maio, 2016
O Consorcio de Santiago vai celebrar varios talleres da enerxía dirixidos aos cidadáns, en colaboración coa Concellaría de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago. Esta iniciativa enmárcase no programa europeo EFFESUS -Eficiencia enerxética para a sostibilidade dos centros históricos europeos-. O Consorcio é un dos 23 socios deste proxecto, xunto con institucións, axencias de investigación, universidades e empresas de toda Europa.
Baixo o lema Rehabilita con enerxía!, organizarase o Laboratorio Urbano da Enerxía e Taller Participativo Cidadán, unha idea do Consorcio que conta co apoio da Concellería de Educación do Concello de Santiago. Estas xornadas diríxense a calquera cidadán con interese pola rehabilitación urbana, a eficiencia enerxética e a loita contra o cambio climático, en particular aos que habitan edificios ou vivendas con recoñecido valor dende o punto de vista do patrimonio histórico, ou mesmo contruídas antes do ano 1945, aínda que a participación está aberta a todos. “Búscase así a implicación dos habitantes da cidade que se sentan comprometidos e preocupados coa xestión intelixente da enerxía nas súas vivendas, con especial atención ao ámbito da cidade histórica de Santiago” -sinala Ángel Panero, arquitecto e responsable científico do proxecto EFFESUS no Consorcio de Santiago-.

As consultas dos cidadáns


No marco desta iniciativa vanse desenvolver varias actividades. Por un lado, os cidadáns poderán realizar de balde calquera consulta sobre a eficiencia enerxética das súas vivendas ou edificios na planta baixa da sede do Consorcio de Santiago (Rúa do Vilar, 59) o martes 24, o mércores 25 e o venres 27 de maio; en horario de 13:00 a 14:00 e de 16:15 a 17:15 horas. As consultas serán atendidas por expertos en eficiencia enerxética e rehabilitación. É imprescindible solicitar cita previa, chamando ao teléfono 981 57 47 00 ou a través do enderezo rehabilitaconenerxia@consorciodesantiago.org.

Conferencias en Sargadelos


Por outro lado, programaranse unha serie de conferencias entre o martes 24 e o venres 27 de maio, entre as 18:15 e as 20:30 horas. Impartirannas especialistas en relación ao uso da enerxía e a eficiencia nas vivendas. Terán lugar na sede de Sargadelos, situada no número 16 da Rúa Nova. Ao final de cada xornada, os cidadáns asistentes ás conferencias poderán participar en mesas de debate cos expertos.

Todos os actos programadas dentro desta iniciativa, o contido das conferencias e as actividades dos talleres participativos, están explicitamente destinados aos cidadáns, sen necesidade de que teñan ningún coñecemento ou formación sobre as materias que se van  abordar. “O obxectivo é estimular o coñecemento, a reflexión e o intercambio de ideas entre cidadáns correntes, que son os que mellor coñecen as súas vivendas” -indican dende o Consorcio-. E, nesta liña, salientan que “o éxito das políticas de eficiencia enerxética europeas no sector da construción require de forma indispensable a implicación e compromiso dos usuarios das vivendas e habitantes dos barrios e cidades de Europa, por iso, dende o Consorcio de Santiago queremos animar a todos os composteláns a rehabilitar con enerxía”.
Documentos relacionados: